Política ambiental

Praia das Catedrais

Ribadeo conta cun valioso ecosistema litoral dentro do cal destacan as formacións xeolóxicas e xeomorfolóxicas caracterizadas pola súa singularidade, dando lugar a verdadeiros monumentos naturais de gran beleza que teñen o seu máximo expoñente nas praias de As Catedrais e Os Castros-As Illas.

Co fin de lograr a satisfacción de todos aqueles que as visitan o Concello de Ribadeo ten implantado nelas un Sistema de Xestión de Calidade e Ambiental de acordo coa UNE-ISO 13009 “Turismo e servizos relacionados. Requisitos e recomendacións para a xestión de praias”. Preténdese así dotalas duns servizos de calidade, mellorar o comportamento ambiental e previr o seu deterioro, ofrecendo ós seus visitantes un ecosistema protexido e cun elevado valor natural, e cumprindo cos requisitos das correspondentes normas.          

O Concello ten un claro compromiso de mellora continua e de prevención da contaminación nas praias, e comprométese, dentro das súas posibilidades, a establecer os medios técnicos e económicos necesarios para frear a contaminación e previr esta na orixe, así como previr e eliminar na medida do posible calquera impacto que poida causarse sobre o medio como consecuencia das súas actividades en todo o ciclo de vida, e os riscos hixienico-sanitarios asociados á actividade desenvolvida na praia. Destacando o incremento do servizo de limpeza, desinfección e vixilancia para garantir a seguridade e que se cumpran as normas establecidas. Garante, á súa vez, un seguimento de todas aquelas actividades que se realicen no litoral establecendo mecanismos de mellora continua en colaboración con tódolos sectores do municipio, asegurando a evolución tanto na calidade ambiental do medio coma nos servizos prestados.          

No desenvolvemento de todas aquelas actividades que se realicen nas dúas praias incluídas no alcance do Sistema de Xestión do Concello comprométese a establecer iniciativas que aseguren o cumprimento das leis e regulamentos relacionados cos aspectos ambientais, os requisitos aplicables ás actividades que se desenvolven nas praias ou calquera outro que a nosa organización subscriba, e ao mesmo tempo atender as esixencias dos usuarios. No seu desenvolvemento terase en conta o papel doutras administracións, organismos e entidades con competencias na xestión integral das praias.          

O Concello de Ribadeo ten un forte compromiso coa xestión racional dos recursos naturais, materias primas e enerxía, a minimización dos residuos, vertidos e emisións, e a conservación dos ecosistemas naturais e flora e fauna asociados, polo que opta por adoptar medidas para previr e minimizar os impactos ambientais das súas actividades.          

Esta Política serve de marco de referencia para definir e avaliar periodicamente obxectivos de calidade e medio ambiente nas praias co obxecto de impulsar a mellora continua nestas.          

O litoral é un ben común, e dende o Concello queremos chamar aos usuarios das praias e aqueles que realizan as súas actividades nelas á colaboración na súa protección e mellora, establecendo mecanismos de formación e sensibilización, incidindo na comunicación a todos os niveis e buscando a satisfacción dos que dun modo ou outro gozan das praias de Ribadeo.

Top