Festas e eventos

Antroido

Antroido: Corenta días antes do Xoves de Paixón. A partir da década dos anos oitenta a semana de Antroido (Carnaval) consolidouse como unha das convocatorias máis celebradas e na que máis veciños participan. Os festexos comezan o domingo, co pregón, e as convocatorias centrais son o desfile das comparsas (martes) e a queima do Antroido (sábado).

Os Maios: No mes de maio. Recuperación da celebración ancestral da chegada da primavera.

Festa das Cruces: Celébrase sete semanas despois do Domingo de Resurrección, no lugar de A Ponte, parroquia Arante. Abandeirados das distintas parroquias pasean os seus pendóns para conmemorar a vitoria dos paisanos contra as tropas napoleónicas do xeneral François Fournier, na Guerra de Independencia.

Ribadeo de Tapeo: Terceira e cuarta semana se maio. Convocatoria municipal na que participan a maioría de establecementos hostaleiros da vila, que promoven a gastronomía baseada en produtos da bisbarra e compiten entre se, presentando orixinais preparados e combinacións.

Ribadeo indiano

Ribadeo indiano: O segundo fin de semana de xullo. Aproveitando un rico escenario arquitectónico, e coa intención de rememorar vellos tempos, preténdesefacer do Ribadeo do século XXI, un escenario onde localizar un ambiente propio de principios do século XX recreando unha sociedade claramente influenciada polas tradicións e modas traídas polos indianos.

Festa do Carme: En xullo. En honor á patroa dos mariñeiros, a Confraría de Pescadores de Ribadeo organiza unha procesión marítima na que participan as embarcacións dos distintos portos da ría.Feira do Libro: No ano 2014 recuperamos a tradición da Feira do Libro, que ten lugar a terceira semana de xullo, recolle diversas actividades complementarias para tódalas idades e públicos.

Festa do Percebe: Finais de xullo ou principios de agosto en función das mareas na pintoresca localidade de Rinlo. Degustacións dese e doutros mariscos nos establecementos e na carpa instalada no enclave mariñeiro.

Xira de Santa Cruz: Primeiro domingo de agosto na vila e no miradoiro de Santa Cruz. Romaría de Interese turístico Nacional. O festexo iniciouse en 1965, cando no miradoiro foi erixido o monumento o Gaiteiro Galego e foi institucionalizado o Día da Gaita. Os festexos empezan o sábado co pregón, o domingo pola mañá varios grupos de gaiteiros e tamborileiros percorren as rúas da vila; a media mañá fronte a casa consistorial actúan distintas agrupacións folclóricas e a continuación centos de ribadenses e visitantes concéntranse no monte de Santa Cruz para facer a ofrenda floral o Gaiteiro Galego, xantar e gozar da verbena que pecha a xornada.

Festas e eventos

Trofeo Emma Cuervo: Agosto, campo de fútbol municipal. Vicedecano dos xa tradicionais torneos de fútbol de verán que se celebra en España, no que se enfrontan un equipo asturiano e outro galego.

Semana Náutica: En agosto no porto deportivo. Organizada polo Real Club Náutico de Ribadeo inclúe regatas de embarcación de vela latina, a travesía a nado pola ría, concursos de pesca e outras actividades deportivo-recreativas relacionadas co mar.

Festa de San Roque: O 16 de agosto. Na honra ao copatrón de Ribadeo, San Roque, inclúe a tradicional misa na pequena capela que acolle a imaxe do santo, coa posterior procesión dos Cocos e Cabezudos, e un concerto da Banda Municipal de Música. Xa pola tarde, festa e de anoitecida, verbena.

Día da Malla: A mediados de agosto. A Asociación de Veciños As Anzas organiza unha representación da Malla, recuperación etnográfica dunha tradición do rural galego na que se pon en valor o traballo comunitario.

Festa da carne ao caldeiro: En agosto, no val de Remourelle, na parroquia de Arante.Degustación popular dese tradicional prato. A convocatoria e organización corren a cargo dos veciños e do local comercial e hostaleiro do enclave, onde a gandaría é o eixe da vida económica.

Festas patronais: 8 de setembro na vila.Convocadas en honra a Santa María del Campo, copatroa de Ribadeo, os festexos abranguen sete días, a chamada Semana Grande, que inclúe actos relixiosos, culturais e deportivos, representacións teatrais e de marionetas, concertos, verbenas e os pasarrúas dos populares Cocos e Cabezudos. 

Samaín: 1 de novembro. Recuperación da celebración ancestral que celebra o fin do verán, recollida das colleitas e o comezo do inverno.

Top